Amosando publicacións coa etiqueta game. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta game. Amosar todas as publicacións

martes, 7 de agosto de 2018

MINION TENTENTIESO

Ola , o obradoiro de hoxe xurdiu ao caer nas miñas mans un ovo kinder deses grandotes de pascua. Quedei coa caixa e a forma era perfecta para facer un minion, magoa que fora a dúas cores, porque outras veces as caixas son totalmente amarelas.


Materiais: 

Unha caixa interior da sorpresa dun ovo grande (tamén podedes facer as versións minis).
Goma eva amarela, negra e azul.
Cola para goma Eva (podedes empregar a pistola de silicona quente tamén).
Un ollo saltón.
A tapa dunha botella (de cor gris mellor).
Goma elástica plana.
Papel de aluminio.
Tesoira e cutter
Rotus.
Regra e cinta métrica


Elaboración


1º paso: medimos o contorno e cortamos unha peza de goma eva azul (será o peto vaqueiro do noso Dave). A peza a cortamos á metade (coma se foran as costuras). Logo nunha das metades cortamos dous cadrados cara dentro como se foran o espazo libre do peto. Dun dos cadrados sobrantes facemos o peto frontal e lle debuxamos o símbolo que ten Dave. Despois a pegamos centrada sobre a parte frontal do noso peto.





2º paso: cortamos dúas pezas amarelas para tapar os buracos do peto e outras dúas pezas negras para facer as mans. Pegamos primeiro as amarelas e logo as mans.





3º paso: por outro lado recortamos un circulo no tapón da botella con moito coidado, logo o perfilamos un pouco co cutter. E lle pegamos un anaquiño de acetato dunha caixa ou paquete que teñamos por casa (se non atopamos un tapón gris o podemos forrar con papel de aluminio).





4º paso: baleiramos un dos ollos con coidado facendo un corteciño cun cutter, e collendo de referencia a pupila negra pintamos nun papel un ollo marrón e llo pegamos, volvemos a introducilo no ollo (así teremos un ollo marrón).



5º paso: pegamos na parte amarela da caixa (que será a cabeza) primeiro o ollo e por riba a gafa feita co tapón.



6º paso: cortamos un anaco de cordón plano negro e lle poñemos nos extremos un pouco de papel de aluminio, e logo o pegamos rodeando a cabeza ao redor da gafa.


7º paso: cortamos unhas tiras finas que serán o pelo de Dave en goma eva negra (ou en cartolina, ou de corda de escoba, ou simplemente as pintamos con rotu negro) e as pegamos.

8º paso: co rotu negro pintamos un sorriso na cara e con rotus laranxa, negro e azul os detalles das costuras e botóns da roupa.



Agora o poñemos sobre a mesa e a xirar, intentando que non caía, xa temos o noso Minion tentetieso. Podedes crear outras personaxes que se vos inspiren con este tipo de caixiña.
Agardamos que vos gustara.




luns, 6 de agosto de 2018

OS XOGOS TRADICIONAIS os xogos de inverno (III)


      Rematamos, por agora coa terceira entrega, esta serie de entradas sobre os xogos tradicionais, pero máis adiante voltaremos sobre o tema e afondaremos nas tempadas de xogos, nas sortes e outro puntos de interese sobre esta temática.
      Pasamos agora a relatar unha pequena escolma de xogos de inverno.

A PARTIDA: Era un xogo mixto podía xogar rapaces con rapazas, o número podía ser de grande (dez ou doce participantes). Trazábase no chan un  círculo ou un rectángulo, ou outras veces escollíase unha parede ou outro punto de referencia, botábase a sorte e apandaban un, dous ou tres, dependendo do número de participantes. Os que apandaban tiñan que atrapar ao resto e levalos ao punto de referencia escollido coma “cárcere”, se xa colleran presos e un dos que aínda estaba libre conseguía cegar ate o cárcere e tocar os collidos estea quedaban libres. O xogo remataba cando os que apandaban collían a todos e se voltaba a botar sortes quedando excluídos aos que xa apandaran. Nas vilas e cidades costeiras de Pontevedra nos anos setenta e oitenta coñecíase este xogo coma POLIS E CACOS.  

      A PRIMEIRA NO CHE TOCO: Era un xogo sobre todo de grupo, un  dos rapaces apandaba e se colocaba no centro duna circunferencia grande, de catro ou cinco metros de diámetro, dobrándose pola cintura e coas mans entre os xeonllos; os demais colocábanse en fila e tiñan a obriga de saltar por riba del mentres dicían unhas frases e realizaban unhas accións, eran as seguintes:
      Á primeira non che toco: había que saltar abrindo as pernas e apoiando unicamente as mans sobre as costas do que apandaba.  
      Á segunda bomba: ó saltar, deixábase caer sobre o lombo do que durmía, dándolle unha cuada.
      Á terceira, Maricas a Rodilleira: o saltador agarraba cunha man a gola da prenda do que apandaba e coa outra á cintura do pantalón, colocándose enriba del cun xeonllo, se o durminte quería podía aguantar un pouco a ver se o outro caía (e pasaba a apandar), pero se non caía dicía abaixo e o que saltara baixábase.
      Á cuarta quedar sentado: o que saltaba podía quedar sentado sobre o outro, agarrándose coas mans á roupa do outro, pero se o que durmía dicía sen estribos, este tiña que soltar as mans e aguantar o equilibrio sen caer, se non caía dicía o que apandaba abaixo e este baixaba, se caía apandaba.
      Á quinta, un espalin: ao tempo de saltar darlle un puntapé o que durmía nas nádegas.
      Á sexta, lesca: ao saltar darlle co pé na cabeza do que apandaba, pero se o comezar o xogo podía acordarse que non se facía.
      Á sétima, os barranquiños: rabuñar o lombo do durminte ao tempo de saltar.
      Á oitava, palma, espalín e cuada: tocar as palmas antes de saltar, darlle cun pe nas nádegas e deixarse caer enriba do que durmía no salto.
      Á novena, os rechimplóns: ao saltar apoiar os cotelo sobre o lombo do que durmía.
      Á décima, un remedio: ao saltar darlle unha cuada.
      Á décimoprimeira: Ídem que a anterior .
      Á décimosegunda: Ídem que a anterior.
      Á décimoterceira: paxariños a voar, que a nai Silva vai escapar: aínda o derradeiro en saltar non acabara de dicir estas palabras escapaban todos, mentres que o que apandara quedaba dentro da circunferencia, os demais tiñan que intentar entrar nela, e o que apandaba cunha pelota de trapo ou cun terrón collido alí mesmo tiña que impedilo, se atinaba a darlle algún dos fuxitivos, este pasaba  a apandar, pero se algún deles vía que ían atrápalo ou darlle coa pelota podía dicir: “vista ao rei”, entón tiñan que contar sete pasos dende os límites da circunferencia, e o que apandaba tiña que darlle dende o centro da mesma.
      Moi similar a este xogo era o de: A LA UNA ANDA LA MULA, que se xogaba na provincia de Pontevedra nos setenta e oitenta

      TRES MARIÑOS A LA MAR: Tirábase a sorte a ver quen apandaba, o que apandaba (podía ser máis de un) colocábase no interior dun círculo, ou podíase escoller unha parede ou unha pedra coma punto de referencia, e pechaba os ollos (ou vendábase), e o resto escondíanse polas inmediacións da zona do xogo, cando estaban agachados, gritaban: “tres mariños a la mar”, o que apandaba o abrir os ollos ou quitaba a venda e respostaba: “outros tres van navegar”. Se  atopaba algún gritaba: “terra descuberta”, dicindo a continuación o nome e o lugar onde o vira, e corría ata o círculo, e se chegaba antes que o que descubrira este pasaba a apandar.

      FULANIÑO QUE ME MATAN: marcábase no chan unha circunferencia de dous ou tres metros de diámetro, durmía o que lle tocara, colocándose no interior do  círculo coa cabeza gacha entre os brazos, o protector do que apandaba, fulaniño, se colocaba a oito ou dez pasos da circunferencia. Pasaban entón os outros o interior do círculo e batían coas gorras ou panos ao rapaz na cabeza, cando este o consideraba gritaba: “fulaniño que me matan”, “acude fulaniño que me matan”. Fulaniño corría entón e sentaba ao carón do que durmía, no primeiro intre todos escapaban, pero logo voltaban a intentar golpear o que apandaba, pero fulaniño o protexía coa súa gorra ou pano, e se lle daba algún dos outros, este pasaba a apandar.

      A TELA: Era este un xogo mixto, de movemento constante para escorregar o frío. Saían todos a correr perseguidos polo que durmía, e cando este conseguía tocar a algún dos que escapaba, dicía: “Tela”. Entón o que escapaba pasaba a ser perseguidor.

     ALTURAS: Xogo mixto, similar ao anterior, pero neste cando o perseguido estaba a punto de ser collido podía subirse a unha pedra, repisa, ou calquera obxecto que sobresaíse do chan e gritaba: “alturas”, e mentres estíbese no alto non  podía ser tocado polo que apandaba, que pasaba a perseguir a outro.

   PARA REMATAR (por agora)
      Estes son soamente uns poucos xogos para facernos unha idea de cómo xogaban os nos pais e avós. O boom demográfico de finais do sesenta e setenta trouxo consigo un cambio na tipoloxía dos xogos, sobre todo nas cidades costeiras, trouxo as tempadas de xogos: tempada de buxainas en primavera, cando coa cegada do sol a terra estaba máis dura, carrilanas de rodas. Tempada de pincho en inverno, cando a terra era máis branda; tempada de bolas en outono ou en primavera, etc...
      Todas estaban condicionadas polo calendario escolar, pasando a ser o tempo de vacacións de verán un tempo dedicado aos xogos na rúa: polis e cacos, brile, etc...
      Pero todos os xogos estaban pensados cunha premisa, eran xogos para xogar en grupo, seis, oito, doce ou máis rapaces e rapazas. Isto é o que se debe buscar ao intentar recuperar estes xogos tradicionais, a necesidade d@ nen@ por relacionarse cos seus compañeiros, non soamente na escola, senón ao chegar ao seu barrio.
      Este feito axuda ao proceso de socialización do individuo coma parte individual dun grupo (a sociedade), e fomenta a aprendizaxe individual e grupal de comportamento e de cooperación.
      Pero sobre todo cos xogos tradicionais recuperase un feito excepcional no desenvolvemento da persoa: O PRACER DE XOGAR XUNTOS.

martes, 31 de xullo de 2018

SOLITARIO. TABOA CELTA

Se a semana pasa fixemos a Cruz Celta, esta imos aproveitar un anaco de madeira dun traveseiro dun somier para recortar e preparar unha "Taboa Celta" un solitario bastante sinselo pero que aos peques lles gustará e ademais é moi decorativo.

Materiais:
1 peza de madeira recta (nos aproveitaremos un listón roto neste caso)
Lapis e borrador de borrar
Regra e cinta métrica
Trade, brocas e moldeadores para madeira (tamén pódese facer con berbequí con moita paciencia)
Lixa para madeira
Verniz, tinguidura á auga, pintura, etc.…
Bolas de cristal


Elaboración
1º paso: medimos a base de madeira e coa regra buscamos o centro, e a partires de aí marcamos co lapis os puntos onde imos tradear e rebaixar para que encaixen as bolas. Tamén debuxamos os extremos redondeados para facer máis resultona a taboa, pero pode ter o corte recto se preferides.




2º paso: Nos puntos marcados tradeamos un pouco cunha broca fina de madeira (3/4) para que nos sirva de guía para despois rebaixar co accesorio moldeador para trade.




3º paso: lixamos toda a superficie e os buracos para que nos colla mellor o tinguidura ou verniz que imos empregar.

4º paso: vernizamos coa cor, tinguidura ou pintura escollida (nos xa tiñamos verniz de cor caoba que fai un contraste xenial coas bolas brancas) e deixamos secar o tempo necesario. Se é preciso e queremos aplicamos unha segunda capa de verniz.




¡E a xogar! Outro xogo de inenio mental que ademais queda moi decorativo na casa. Lembrar que con materiais sinxelos coma cartón, plastilina ou pasta de papel podedes facer versión moi chulas coa rapazada. Agardamos que vos gustara e ata a vindeira “trebellada”.


COMO SE XOGA.

O obxectivo do xogo é alternar por completo o lugar das pezas dunha cor pola outra co menor número de movementos posible. É dicir pasar as bolas dunha cor ao ,lugar ocupado polas da outra cor e viceversa.

Pódese indistintamente calquera peza, inclusive saltando por riba dalgunhas deas, e aquí soamente temos unha condición, só se poderá saltar unha bola da cor oposta, non unha da mesma cor.

O mínimo de movementos posibles é de 15.


martes, 24 de xullo de 2018

SOLITARIO CELTA - CRUZ MÁXICA



O obradoiro desta semana, máis que tradicional é “ancestral” ou antigo, aquí o coñecemos por solitario celta, pero se lle atribúen distintas orixes O que explico esta feito en madeira aproveitando un vello prato de polbo que empregaba para traballar barro. Este queda moi aparente para que o teñades na casa ou no campa coma xogo de mesa, pero con materiais sinxelos coma cartón e plastilina ou pasta de papel podedes facer versión moi chulas coa rapazada.




Materiais:
1 peza de madeira redonda (un prato de polbo por exemplo)
Lapis e borrador de borrar
Regra e cinta métrica
Trade, brocas e moldeadores para madeira (tamén pódese facer con berbequí con moita paciencia)
Lixa para madeira
Verniz, tinguidura á auga, pintura, etc.…
Bolas de cristal


Elaboración


1º paso: medimos a base de madeira e coa regra buscamos o centro, e a partires de aí marcamos co lapis os puntos onde imos tradear e rebaixar para que encaixen as bolas.


2º paso: Nos puntos marcados tradeamos un pouco cunha broca fina de madeira (3/4) para que nos sirva de guía para despois rebaixar co accesorio moldeador para trade.




3º paso: lixamos toda a superficie e os buracos para que nos colla mellor o tinguidura ou verniz que imos empregar.



4º paso: vernizamos coa cor, tinguidura ou pintura escollida (nos xa tiñamos verniz de cor caoba que fai un contraste xenial coas bolas brancas) e deixamos secar o tempo necesario. Se é preciso e queremos aplicamos unha segunda capa de verniz.


¡E a xogar! Un excelente xogo de habilidade mental que ademais queda moi decorativo na casa. Agardamos que vos gustara e ata a vindeira “trebellada”.


NOTA: nos colocamos as bolas que imos quitando nun bol, se podedes e o vos material o permite, facer un surco ao redor do taboleiro para recoller as bolas. 

INSTRUCIÓNS DO XOGO: O xogo consta dun  taboleiro con 33 buracos, en cada un colocase unha bola, excepto no buraco central. A solución do xogo consiste en deixar unha única bola no buraco central. Soamente se emprega un único movemento que é que unha bola salta sobre outra e cae nun buraco baleiro, a bola saltada é eliminada.