martes, 17 de xullo de 2018

COFRE DO TESOURO. A vida pirata é a vida mellor.

A vida pirata é a vida mellor, sen traballarrrrrrrrrrr, sen estudarrrrrrrrrrrrrrr, e coa botella de ron.
 
Nesta nova entrada do blog imos facer o noso propio cofre do tesouro, que nos valera para ambientar o  noso campa pirata, ou par gardar os nosos "tesouros máis queridos", para te o material dun obradoiro chulísimo nel, ou para xogar (pensando na entrada de onte de pensamento positivo e dinámica da risa) á cousa máis bonita do mundo.


Para realizar o obradoiro imos precisar os seguintes materiais:

-. 1 caixa de zapatos ( se é das que abre por un lado, no lugar de sacar a tapa enteira mellor, pero non é indispensábel)

-. Cartón (fino de caixas de cereais, por exemplo, e máis gordo de caixa de folios ou similar)

-. Papel hixiénico ou de cociña.

-. Papel de xornal.

-. Tesoira e/ ou cutter.

-. Cola branca de carpinteiro

-. Cinta adhesiva ou de papel.

-. Lapis e rotus.

-. Chinchetas

-. Pinturas, pinceis e brochas


 Elaboración:
 
1º paso: tomando coma referencia o fondo da tapa da caixa, debuxamos e recortamos dúas pezas en cartón fino (de caixa de cereais, por exemplo) que pegaremos con cola branca a cada lado da tapa da caixa.



 2º paso: medimos e recortamos á medida unha prancha de cartón fino para cubrir o oco entre as pezas que pegamos, para que quede máis firme encheremos o medio con boliñas de papel de xornal para darlle consistencia. A prancha de cartón a fixamos con cinta adhesiva ou de papel.


























3º paso: para igualar o tamaño de parte de arriba da tapa do cofre coa de abaixo, medimos, recortamos e pegamos pranchas de cartón máis gordo (tipo caixa de folios ou caixa de cartón), as reforzamos con cinta adhesiva para que peguen mellor, e deixaremos unha tira fina sen cubrir que nos valera de guía para que peche ben o noso cofre.







4º paso: Imos facer as "correas de coiro" do cofre e a "pechadura de latón", que sempre lle dan un aire antigo, para as correas empregaremos papel de xornal que iremos pregando segundo o ancho que desexemos acadar, medimos e pegamos ao cofre. Para a pechadura recortamos a forma que desexemos (máis redondeada ou ovalada) en cartón groso. (lembrade de cortar as tiras e a pechadura onde esta a tapa, senón logo non o poderedes abrir ; )








5º paso: Agora cubrimos todo con papel hixiénico ou de cociña, que iremos colocando con cola branca reducida en auga ao 50% dese xeito quedaranos logo a superficie lista despois de secar para poder pintar e retocar ao noso gusto.







6º paso: unha vez este seco podemos pintar das cores que máis nos gusten, nos empregamos marróns para a madeira, negro para as cintas de coiro e bronce e dourados para a pechadura e os remaches (os nosos foron con chinchetas, pero podedes empregar círculiños de cartón, por exemplo.








 7º paso: para rematar cando a pintura secou perfilamos con rotuladores negros e marróns e demos sombras e marcas de madeira con ceras duras, coma se viñeramos de atopar o noso cofre nun barco afundido.





 E agora a gardar os noso secretos máis prezados no noso cofre. Aínda que son moitos pasos realmente non custa  moito nin é complicado facer os nosos cofres. Ata a vindeira entrada no blog, e a cantar piratas: A vida pirata e a vida mellorrrrrrrrrrrrrrr


luns, 16 de xullo de 2018

DINÁMICA DA RISA. Actitude e Pensamento Positivo


"A miña forma de bromear é dicir a verdade. Esa é a broma máis divertida". Woody Allen
Dende a antigüidade sábese que a risa e o bo humor curan e axudan a curar enfermidades, e que as persoas máis sans son as máis optimistas e as que rin máis. O obxectivo da risoterapia é atopar un estado de consciencia onde a risa ten cada vez máis cabida para modificar o noso estado de ánimo, habitualmente estresado debido ás demandas da sociedade.

Tratase de recuperar a nosa risa interior, a risa coa que nacemos e nos enfrontamos ó mundo cando somos cativos, e que moitos e moitas imos perdendo debido as normas sociais e de conduta. A risa ten o efecto de liberar tensións, bloqueos e modificar o estado xeral do organismo aumentando o seu sistema defensivo-inmunolóxico.

Ao pensar en positivo e tomar conciencia do aquí e agora, imos facendo pequenas modificacións en nos mesmos que nos levan pouco a pouco a levar unha vida máis chea e satisfactoria. Por iso, a risa e o desenvolvemento do sentido do humor é unha actividade que acumula beneficios cando se practica con asiduidade. Participando libremente e deixándose levar sen tensións conséguense os…

...“Beneficios da chamada Risoterapia, que é sinselamente ACTITUDE POSITIVA”. Coas actividades e xogos de dinámica da risa poñemos en marcha uns 400 músculos, incluso algúns do estómago que soamente exercitamos coa risa. Nos damos masaxe na columna vertebral e as cervicais, onde acumulamos as tensións, o estirarnos. Lubricamos os ollos coas bágoas. As risas atronadoras fan vibrar a cabeza e despexan o nariz e o oído. Tamén elimina toxinas do organismo. Ademais entra o dobre de aire nos pulmóns e a pel oxixenase máis.

A risa activa a produción de endorfinas no cerebro, que axudan a un bo equilibrio psíquico da persoa. Axuda a ter serenidade, reduce a ansiedade e o estrés e aumenta a creatividade. Entramos deste xeito no camiño do pensamento positivo, que desenvolve a imaxinación, intuición e creatividade. Mellora as relaciones humanas e e a calidade de vida. Xera unha actitude positiva estimulante para mellorar o noso xeito de vida. Axuda a atoparnos mellor con nos mesmos e cos demais.

Pasamos a continuación e describir algunhas actividades de dinámica da risa que non soen fallar:


A ducha da risa: en grupos de catro ou cinco ; un se pon no medio e os demais o rodean formando unha cortina de ducha, a do medio empeza a ducharse, e as demais lle fan cosegas para que se ría. A cada indicación de cambio un dos que esta fora pasa ao medio ata que todas as persoas pasen pola “ducha”.

Ja – Ja – Ja :
tombados no chan coa cabeza sobre a barriga dx compañeirx anterior, ou de pe agarrando ao de diante pola barriga (este sería o tren da risa). Se numera xs participantes por orde e así a primeira di ja, a segunda jaja a terceira jajaja e así hasta a derradeira (debese comezar o ja en canto acaba x compañeirx anterior)

Quéresme dozura, si pero neste momento non me podo rir. Unha persoa panda e fai a pregunta, e as demais deben dar a resposta e non se poden rir, o que se ri pasa o medio.

Agardo que esta pequena introdución sexa do voso interese e lle poidades sacar algún proveito. Recibide un sorriso de balde e unha aperta de agasallo.


"Humor é posiblemente unha palabra; a emprego constantemente. Estou tolo por ela e algún día aprenderei o seu significado". Groucho Marx

martes, 10 de xullo de 2018

LIBRIÑOS PARA SOÑAR. Martiño "O Ratiño de Biblioteca"


Boas a todo o mundo. Despois da entrada de onte sobre os libros e a animación á lectura aproveitamos para recuperar o video-obradoiro de libriños máxicos.

Desta vos deixamos o Video do Obradoiro feito para @s nos@s amiguiñ@s de Espazo Lectura. Un minilibro cun conto que poden crear eles ou poñerlle texto. O deixamos en video o obradoiro e o conto final.

Pero tamén podedes facelo da temática que prefieres: monstros, animais, flores, mascaras. Incluso podedes facer un libriño máis grande empregando un folio A3. Agardamos que vos guste.

 

luns, 9 de xullo de 2018

NESTE VERÁN UN LIBRO, OU DOUS, OU TRES…


Creo que dende o meu primeiro campamento coma monitor en prácticas, ala polo ano 1995, ata hoxe, hai tres cousas que sempre me teñen acompañado en cada campa, ludoteca, obradoiro, curso, etc, ao que teño asistido. Esas tres cousas son: ilusión, un certo nerviosismo antes de comezar (que é un símbolo claro de que che segue a gustar o que fas) e LIBROS, si libros, de consulta, novelas, poesía, banda deseñada, contos ou calquera xenero que poidades pensar. E nas actividades para nenos e nenas, para a rapazada sempre procurei que tiveran acceso á lectura para o tempo libre do campa ou a ludo, para antes de durmir, para relaxarse un rato na toalla. Que non faltaran contos clásicos e modernos, tebeos de Zipi y Zape e Mortadelo e Filemón, Tintín, Asterix, algún libro de aventuras ou de medo, cómics de Spiderman, 4 Fantásticos ou Vengadores, algún libro de chistes ou enigmas. É dicir, que puideran ler sempre que o desexaran.

Pero temos que dar un paso máis, temos que dinamizar o acceso á lectura, fomentar a lectura dando exemplo, ler as lecturas que lles propoñemos, comentalas con elas e eles, recomendarlles as que máis nos gusten e escoitar as que a rapazada nos recomenda a nos. Temos  hoxe en día, ademais dos clásicos que nunca fallan unha morea de coleccións e de escritores e escritoras que están a ter moito éxito, dende Futbolísimos (que se estrea a película este verán) ás novelas de Ledicia Costas magnificamente ilustradas por Víctor Rivas ou Andrés Meixide, a poesía de Fran Alonso en O Meu Gato e Poeta, Poemas Birollos.... ou Street Poems (co trasfondo esta última obra do grafitti), Agustín Fernández Paz, Xerónimo Stilton, Harry Potter, Xulio Verne, Antonio García Teijeiro e o seu Poemar o Mar, ou os cómics e tebeos de sempre  coma comentaramos antes, pero tamén temos actualmente fantásticas obras coma a saga da Illa Remeira de Jacobo Fernández, O Báculo de Daghdha de Norberto Fernández, Tam de Anémona de Río, Curuxa de Fon, Fiz de Kiko da Silva, A Fraga das Milmañas de Manel Craneo, Tokio ven de sacar Gol que ten moi boa pinta,e moitísimas autoras e autores máis que non daríamos rematado o artigo.

Pois con todas estas referencias literarias, e con calquera outra, podemos crear actividades fantásticas: días temáticos, rastreo con pistas inspirados en Sherlock Holmes ou en Verne, Veladas máxicas en Howards, Olimpíadas cos Galos en Roma, Sesións de grafitti e poesía, Un xogo da Oca reconvertido a un xogo do Gato Poeta porque lle peta no que alternemos lectura de textos con probas de habilidade e humor, veladas gastronómicas con Escarlatina. A partires dun libro podemos xirar parte ou todo nunha actividade  de campamento ou ludo de verán. Creación de libros propios do campa, obradoiros de creación literaria, de ilustración. Ler axuda a ser mellor persoa, a ser máis intelixente, a comprender mellor as cousas, a ter un pensamento crítico. Ler axuda a que as persoiñas de hoxe sexan persoas adultas libres que pensan por si mesmas, e que saben discriminar as informacións manipuladas das reais. E vos monis, que me ledes moi pouco, a ler todo o mundo.

Por todo isto neste verán Un libro, ou dous ou tres...