venres, 29 de xuño de 2018

RAZAS DE MONIS. Para quen son os campamentos?


Os campamentos son da rapazada, son dos nenos e as nenas que asisten a eles. O equipo de dires e monis que programan, deseñan e realizan as actividades deben ter esa máxima en conta, e en base a iso programar. Lamentablemente nalgunhas ocasión isto non ocorre por diferentes causas. Unha das escusas máis recorrentes é a de: A empresa non nos da cartos para as actividades, se tiveramos orzamento faríamos moitas máis cousas, uffff, aquí por unha banda pode ser certo o “racanismo” dalgunhas entidades, pero tampouco pode valer coma apostila para “peitearnos” das nosas responsabilidades. 

Outras veces o “problema” son as RAZAS DE MONIS que nos atopamos: as principais son as seguintes: 

A raza dx moni “estrela” que cal “prima donna” se erixe na persoa protagonista de todo o campamento, os seus xogos son os mellores, as súas cancións as máis chulas, os seus chistes os máis graciosos, etc. Este tipo de moni remata converténdose nunha sombra do que foi habitualmente, un pouco coma esas estrelas do cine ou da música que non saben envellecer e rematan por facer o ridículo constantemente.

Outra raza que pode resultar perigosa é dx moni superactivx que sempre esta intentando que toda a rapazada do campa este en toas as actividades, por exemplo noite de actuacións e todo o mundo ten que actuar porque x nosx moni superactivx di que si: veña podes cantar esta canción, ou facer este baile, eu ch axudo. A súa intención non é mala (normalmente a de ningún moni o é) pero algunhas nenas e nenos prefiren gozar de ser espectadores das actividades, e gozan delas dese xeito moito máis que obrigadxs a saír a facer un baile que durante toda a actuación, e a elas eles se lles fai moi longa, están desexando que remate.

Non nos esquezamos da raza dx moni “buen rollito” sempre con grandes ideas, pero que normalmente teñen que rematar os demais compoñentes do equipo porque el ou ela non da feito, ou pasa de todo , e se cambia a outra actividade que lle resulte máis doada: non te preocupes que xa me encargo eu de repartir os bocatas e vixiar o baño dende a beira do río.

Outra raza peculiar é a dx moni concienciadx, sempre coa camiseta reivindicativa da derradeira causa na que este a participar (sobre todo de acudir ás manifestacións) salvemos os golfiños, nin un plástico ao mar, pensa en verde… todas son boas causas certo é, e seguramente o atoparas con asiduidade consultando as derradeiras campañas de CHANGE.ORG ou o boletín de GREENPEACE no seu Smartphone de derradeira xeración (non sabemos se con minerais sangrientos ou non, pero).

Para rematar por hoxe, aínda que temos moitos máis “tipos” dos que poderíamos falar, falaremos agora da raza dx  moni amigx dx dire, este espécime normalmente e un compañeirx do curso de monis do dire, ou foron ao cole xuntxs, ou son compis dende a infancia. Esta raza de moni non é mala xente, pero son xs que sempre din iso de: "xa me ocupo eu", cando se fala de facer algo, e entón comezas a preocuparte, tamén soe levar un caderno que si é de folio branco sempre lle esta a facer liñas cunha regra e un boli, e se é cuadriculado se pasa os ratos libres (esta raza goza de moitos ratos libres extranamente) rodeando con BIC azul os cadrados que xa trae o caderno. Esta raza de moni florece nas ceas de grupo que se organizan despois de rematar os campas.

Toda esta tipoloxía de monis ten a súa “clase alta” nxs dires respectivos (con algunhas matizacións) que dan un bo material para un artigo sobre os tipos de liderado. Per non vos asustedes que a maioría dxs monis pertencen á raza principal de monis: Xs Bos e Boas Monis. Pero coma dixen ao principio, non vos esquezades: Os campas deben ser un espazo de protagonismo para os nenos e nenas que acudan a eles, onde poden vivir unha aventura durante 7, 10 ou 12 días que lembraran moito tempo, incluso as veces para sempre. Fagamos que sexa grande, fermosa, divertida e educativa; e que sexa a súa, que o noso traballo é ser facilitadorxs da súa AVENTURA.

martes, 26 de xuño de 2018

PASABOLA


Boas a todo o mundo, reiniciamos Trebelladas Pasatempos. Tiñamos pensado comezar "TrebelladasPasatempos" con outro obradoiro moi doado, pero como estamos xa en verán vos propoñemos un xogo/ xoguete e a súa variante para divertires coas peques da casa (e os adultos tamén) a custe case 0.



Para realizar o obradoiro imos precisar:

        - 2 botellas de plástico de refresco de 2 litros (poden ser de 

        1 1/2 litros, pero mellor máis grandes).

        - 2 botes de iogur de beber (tipo actimel de rosca ancha)

        - 1 pelota de ping pong (que nos imos trocar por unha dun 

        desodorizante rolon)

        - Fío de perlé e agulla grande (opcional)

        - Cinta íllante (ou cinta de papel ou adhesiva).

        - Tesoira e/ou cutter.

        - Globos de auga (para refrescarte neste tempo de verán)





Elaboración:


1º paso: retiramos os plásticos dos iogures de beber (se os traen, os de marca branca as veces non teñen).

 



2º paso: recortamos nas botellas de 2 litros para obter dous embudes amplos (queremos poder atrapar a bola ou o globo de auga).




3º paso: (OPCIONAL) afuracamos a base dos iogures de beber e enfíamos unha agulla cuns 5 metros de fío, primeiro a pasamos por un dos iogures de beber (aguantamos un fío e tiramos do outro para deixar un fío único e facemos unha boliña de nos  pola parte aberta da botella para que ao tirar non se saía. Repetimos a operación co outro iogur de beber). Isto o facemos se desexamos xogar de dous en dous e limitar os movementos para que sexa máis divertido, pero se non o facemos poderemos incluso xogar moitas persoas a mesmo tempo e resulta moi participativo e divertido. 


4º paso: xuntamos os embudes feitos das botellas cos envases de iogur de beber (se é preciso rodeamos con cinta íllante para mantelos firmes).





5º paso: introducimos a pelota que temos desmontado do desodorizante e a XOGARRRRRRRR. Se o desexamos e fai calor sustituimos a pelota por globos de auga e a ver quen se molla.




Saúdos e agardamos que vos guste a proposta. Iremos subindo máis contidos, de xogos, obradoiros e outras temáticas de interese (TREBELLADAS) que se nos ocorran. Síguenos en Facebook: PASATEMPOS TEMPO LIBRE.

Descárgate o PDF resumido (versión en galego): http://pasatemposetl.wix.com/pasatemposetl?fb_ref=Default#!arquivos-de-interese/con8


 

luns, 25 de xuño de 2018

A MOCHILA


Teño unha mochila das grandes, das de 85 litros que levábamos antes cando iamos de campa, agora a rapazada trae maletas tipo “trollei” maioritariamente, Esa "saqueta" a maiores de levar todas as cousas físicas: saco de durmir, calzado, roupa, etc. Foi unha mochila que quedará para sempre chea de cousas importantísimas na miña vida:
1º na base, unha chea de ILUSIÓN, de actitude positiva á hora de comezar cada novo proxecto, cada campa, ludo, actividade, curso, etc. Se esa base é sólida e forte, xa tes moito adiantado.
TRABALLO (e formación), constante, esforzándose sempre, sen deixarse acomodar, aceptando novos retos, formándote sempre con novos cursos, compartindo experiencias, devorando manuais, publicacións e moita lectura, xa que nos libros, e aquí falo de literatura, aprendes constantemente e che fan mellor persoa. Así que devora novela, poesía, teatro, banda deseñada, etc.
PERSOAS, esta mochila esta chea de momentos que nunca esquecerei cos nenos e as nenas dos campas, cos mozos e mozas das actividades,coas alumnas e alumnos dos cursos, cos monis e dires cos que teño realizado todas estas actividades de tempo libre e formación. De todas esta persoas teño aprendido moito e non deixo de aprender.
Basicamente, e é moito, de todo isto esta chea a miña mochila de TEMPO LIBRE. A maiores, nos petos da mochila, esta a cantimplora chea dos xogos que nunca fallan, a caixiña dos obradoiros fantásticos, o Cd das cancións chulas e as súas danzas, o lapis e o caderno onde sigo a anotar as ideas, as letras, os poemas.
E tamén teño un pequeno peto onde gardo as malas experiencias, que tamén as temos, pero das que sempre se aprenden, nese peto están as decepcións, ese día onde nada sae ben, os xogos fallan e queres deixalo todo, están esas bagoas  de rabia contida ante unha inxustiza, a xente que pasou que ía comerse o mundo e gastou a mecha en cinco minutos, a que che mentiu e se aproveitou de ti, etc. Pero todo isto é un pequeno peto nunha mochila enorme e chea a rebordar de boas cousas. 
Que si é o mellor traballo do mundo? Depende de ti, depende de nos. Boa sorte, se alguén a quere eu lle presto a miña mochila, pero vos recomendo que cada un vaia facendo a súa, mola máis. Para despedirme: Un bico. Un que? Un bico.
Bigthor