martes, 14 de agosto de 2018

BAILARETE. Obradoiro nun minuto.

Ola a todxs. O obradoiro de hoxe leva un minutillo, e con el faremos un bailarete, un pequeno peón ou buxaina para tirar cos dedos, co que podemos facer torneos de "beyblade enxebre".

Materiais:

Uns froitos de eucalipto.
Uns paos caídos pequenos de polas de arbustos (dos de pincho moruno tamén poden valer).
Tesoira.
Cola branca.

Elaboración:

1° paso: escollemos o pao que imos introducir no buraco do froito do eucalipto e o recortamos ao tamaño que desexemos. Podemos aproveitar os buraquiños exteriores ou furar un pouco o medio e reforzar pegando con cola branca.

E xa esta listo o noso bailarete. Soamente o temos que facer rodar.
Agardamos que vos guste. As nosas bruxiñas quedan xogando unhas partidas.


luns, 13 de agosto de 2018

QUEN PAGA AS ACTIVIDADES DE BALDE? e pasa outro ano e o ano que ven...

  Hoxe toca protestar, porque seguimos igual, queda moito por mellorar. Este ano en Galicia tivemos a "catarse" do caso das asignacións das quendas de campamentos de verán, que ao mellor pode supoñer un punto de partida, pero seguimos bastante mal, recuperamos e ampliamos unha carta ao director publicada por Faro de Vigo fai ano e medio, e ano e medio despois seguimos igual, esta ben, non igual, temos algunha ameza máis, algunha responsable de asociación mái que nos bloqueou, e unha perda total de fe na clase política, porque esto o saben de todos os partidos e cores políticas, pero debe ser que é mellor buscar aliados para as eleccións, que se consecuentes coas promesas e as cousas que se din.

  Estamos moi acostumados, sobre todo nas asociacións de veciñas e veciños, a ter un catálogo moi amplo de actividades a custo "0" ou cunha pequena achega (uns cinco ou dez euros o primeiro mes) inicial. Moitas veces incluso cando son actividades "de balde" son tratadas pola xente como actividades menores, total non custan. Non son valoradas. En Tempo Libre sabemos moi ben o que se sinte ante declaracións do tipo de: "vos cobrades por xogar" "ti te divirtes no teu traballo, non te queixes" "debedes ligar moito nos campas". Señoras e señores: Nos realizamos un traballo, e polo tanto temos o dereito a cobrar por el, eu decido se quero facer unha actividade coma voluntario ou voluntaria non remunerada, pero eu decido cal, onde, con quen e cando.

  Maioritariamente estas actividades están dirixidas á 3ª idade e ás vogalías de muller. Pero outras moitas veces as A.VV. ou as federacións convocan cursos, actividades, etc. nas que os/as participantes pagan unha cota reducida ou son directamente de balde, e que en teoría dispoñen de fondos por convenios, subvencións ou outras formas de financiamento. Pero as veces tamén ocorre que as entidades non pagan a quen realiza a actividade e que as asociacións se botan fora dicindo que elas non son responsables, e non aceptan queixas ao respecto, incluso nosm casos que eles son os que organizaron, anunciaron e cobraron, nalgúns casos, coutas xs participantes. A culpa sempre é dos políticos e políticas, do Concello, da Deputación ou da Xunta, pero nunca das responsables e os responsables das asociacións ou das federacións supraasociativas.

  E o peor é que desgraciadamente estamos tan acostumados ó clientelismo de dádeme e eu me quedo caladiñx que ninguén pensa nas persoas que traballan nesas actividades, persoas que as veces non cobran e que moitas veces traballan durante meses que dura a actividade e cobran ó final da empresa encargada da actividade pola Deputación, Xunta ou Concello. É dicir, traballas durante tres, catro ou seis meses e cobras ao rematar, porque durante eses meses ti non tes que pagar autónomos, a luz, a auga, os recibos, a comida, etc? A ver se nos acostumamos por favor a cumprir co traballo das persoas. Se imos ó cine ou ó fútbol pagamos antes de entrar, se estás contratado/a cobras cada mes, os políticos/as cobran cada mes, non? Iso si, mellor non te queixes e procura sair na foto cun sorriso "profident". E te pos a tremer cando denuncias unha situación ilegal e x técnicx do lugar che di que a el ou ela lle da igual, que si nunha oerta unha ten cinco centimos menos de orzamento que outra, el vai escoller a máis económica, que o resto non é o su problema.

  Pois algúns fixemos traballos xa fai máis de dous anos e de tres para a FAVEC de Vigo en A.VV. da nosa cidade e seguimos sen cobrar, e nos da igual se a culpa é do alcalde ou da presidenta da Federación ou da Xunta de Galicia. Nós o que queremos é cobrar dunha vez, porque a nós se nos dixo que había cartos, non que fora a habelos, e desgraciadamente nin políticos nin asociacións dan ningunha solución, pero iso si á xente tivo a súa formación e actividades subvencionadas e/ou gratis. Por moito que repitan as súas mentiras, non van ser verdades, iso si, moita xente prefirira crer o que lle vendan. Pero ¿quen paga as actividades gratuitas?

  Deixamos aquí o enlace á sección de cartas ao director co artigo publicado por Faro de Vigo na súa version web. Na versión en papel tamén saiu. É unha versión máis curta.

https://www.farodevigo.es/cartas/2017/02/26/quen-paga-as-actividades-balde/1630584.html

martes, 7 de agosto de 2018

MINION TENTENTIESO

Ola , o obradoiro de hoxe xurdiu ao caer nas miñas mans un ovo kinder deses grandotes de pascua. Quedei coa caixa e a forma era perfecta para facer un minion, magoa que fora a dúas cores, porque outras veces as caixas son totalmente amarelas.


Materiais: 

Unha caixa interior da sorpresa dun ovo grande (tamén podedes facer as versións minis).
Goma eva amarela, negra e azul.
Cola para goma Eva (podedes empregar a pistola de silicona quente tamén).
Un ollo saltón.
A tapa dunha botella (de cor gris mellor).
Goma elástica plana.
Papel de aluminio.
Tesoira e cutter
Rotus.
Regra e cinta métrica


Elaboración


1º paso: medimos o contorno e cortamos unha peza de goma eva azul (será o peto vaqueiro do noso Dave). A peza a cortamos á metade (coma se foran as costuras). Logo nunha das metades cortamos dous cadrados cara dentro como se foran o espazo libre do peto. Dun dos cadrados sobrantes facemos o peto frontal e lle debuxamos o símbolo que ten Dave. Despois a pegamos centrada sobre a parte frontal do noso peto.





2º paso: cortamos dúas pezas amarelas para tapar os buracos do peto e outras dúas pezas negras para facer as mans. Pegamos primeiro as amarelas e logo as mans.





3º paso: por outro lado recortamos un circulo no tapón da botella con moito coidado, logo o perfilamos un pouco co cutter. E lle pegamos un anaquiño de acetato dunha caixa ou paquete que teñamos por casa (se non atopamos un tapón gris o podemos forrar con papel de aluminio).





4º paso: baleiramos un dos ollos con coidado facendo un corteciño cun cutter, e collendo de referencia a pupila negra pintamos nun papel un ollo marrón e llo pegamos, volvemos a introducilo no ollo (así teremos un ollo marrón).



5º paso: pegamos na parte amarela da caixa (que será a cabeza) primeiro o ollo e por riba a gafa feita co tapón.



6º paso: cortamos un anaco de cordón plano negro e lle poñemos nos extremos un pouco de papel de aluminio, e logo o pegamos rodeando a cabeza ao redor da gafa.


7º paso: cortamos unhas tiras finas que serán o pelo de Dave en goma eva negra (ou en cartolina, ou de corda de escoba, ou simplemente as pintamos con rotu negro) e as pegamos.

8º paso: co rotu negro pintamos un sorriso na cara e con rotus laranxa, negro e azul os detalles das costuras e botóns da roupa.



Agora o poñemos sobre a mesa e a xirar, intentando que non caía, xa temos o noso Minion tentetieso. Podedes crear outras personaxes que se vos inspiren con este tipo de caixiña.
Agardamos que vos gustara.




luns, 6 de agosto de 2018

OS XOGOS TRADICIONAIS os xogos de inverno (III)


      Rematamos, por agora coa terceira entrega, esta serie de entradas sobre os xogos tradicionais, pero máis adiante voltaremos sobre o tema e afondaremos nas tempadas de xogos, nas sortes e outro puntos de interese sobre esta temática.
      Pasamos agora a relatar unha pequena escolma de xogos de inverno.

A PARTIDA: Era un xogo mixto podía xogar rapaces con rapazas, o número podía ser de grande (dez ou doce participantes). Trazábase no chan un  círculo ou un rectángulo, ou outras veces escollíase unha parede ou outro punto de referencia, botábase a sorte e apandaban un, dous ou tres, dependendo do número de participantes. Os que apandaban tiñan que atrapar ao resto e levalos ao punto de referencia escollido coma “cárcere”, se xa colleran presos e un dos que aínda estaba libre conseguía cegar ate o cárcere e tocar os collidos estea quedaban libres. O xogo remataba cando os que apandaban collían a todos e se voltaba a botar sortes quedando excluídos aos que xa apandaran. Nas vilas e cidades costeiras de Pontevedra nos anos setenta e oitenta coñecíase este xogo coma POLIS E CACOS.  

      A PRIMEIRA NO CHE TOCO: Era un xogo sobre todo de grupo, un  dos rapaces apandaba e se colocaba no centro duna circunferencia grande, de catro ou cinco metros de diámetro, dobrándose pola cintura e coas mans entre os xeonllos; os demais colocábanse en fila e tiñan a obriga de saltar por riba del mentres dicían unhas frases e realizaban unhas accións, eran as seguintes:
      Á primeira non che toco: había que saltar abrindo as pernas e apoiando unicamente as mans sobre as costas do que apandaba.  
      Á segunda bomba: ó saltar, deixábase caer sobre o lombo do que durmía, dándolle unha cuada.
      Á terceira, Maricas a Rodilleira: o saltador agarraba cunha man a gola da prenda do que apandaba e coa outra á cintura do pantalón, colocándose enriba del cun xeonllo, se o durminte quería podía aguantar un pouco a ver se o outro caía (e pasaba a apandar), pero se non caía dicía abaixo e o que saltara baixábase.
      Á cuarta quedar sentado: o que saltaba podía quedar sentado sobre o outro, agarrándose coas mans á roupa do outro, pero se o que durmía dicía sen estribos, este tiña que soltar as mans e aguantar o equilibrio sen caer, se non caía dicía o que apandaba abaixo e este baixaba, se caía apandaba.
      Á quinta, un espalin: ao tempo de saltar darlle un puntapé o que durmía nas nádegas.
      Á sexta, lesca: ao saltar darlle co pé na cabeza do que apandaba, pero se o comezar o xogo podía acordarse que non se facía.
      Á sétima, os barranquiños: rabuñar o lombo do durminte ao tempo de saltar.
      Á oitava, palma, espalín e cuada: tocar as palmas antes de saltar, darlle cun pe nas nádegas e deixarse caer enriba do que durmía no salto.
      Á novena, os rechimplóns: ao saltar apoiar os cotelo sobre o lombo do que durmía.
      Á décima, un remedio: ao saltar darlle unha cuada.
      Á décimoprimeira: Ídem que a anterior .
      Á décimosegunda: Ídem que a anterior.
      Á décimoterceira: paxariños a voar, que a nai Silva vai escapar: aínda o derradeiro en saltar non acabara de dicir estas palabras escapaban todos, mentres que o que apandara quedaba dentro da circunferencia, os demais tiñan que intentar entrar nela, e o que apandaba cunha pelota de trapo ou cun terrón collido alí mesmo tiña que impedilo, se atinaba a darlle algún dos fuxitivos, este pasaba  a apandar, pero se algún deles vía que ían atrápalo ou darlle coa pelota podía dicir: “vista ao rei”, entón tiñan que contar sete pasos dende os límites da circunferencia, e o que apandaba tiña que darlle dende o centro da mesma.
      Moi similar a este xogo era o de: A LA UNA ANDA LA MULA, que se xogaba na provincia de Pontevedra nos setenta e oitenta

      TRES MARIÑOS A LA MAR: Tirábase a sorte a ver quen apandaba, o que apandaba (podía ser máis de un) colocábase no interior dun círculo, ou podíase escoller unha parede ou unha pedra coma punto de referencia, e pechaba os ollos (ou vendábase), e o resto escondíanse polas inmediacións da zona do xogo, cando estaban agachados, gritaban: “tres mariños a la mar”, o que apandaba o abrir os ollos ou quitaba a venda e respostaba: “outros tres van navegar”. Se  atopaba algún gritaba: “terra descuberta”, dicindo a continuación o nome e o lugar onde o vira, e corría ata o círculo, e se chegaba antes que o que descubrira este pasaba a apandar.

      FULANIÑO QUE ME MATAN: marcábase no chan unha circunferencia de dous ou tres metros de diámetro, durmía o que lle tocara, colocándose no interior do  círculo coa cabeza gacha entre os brazos, o protector do que apandaba, fulaniño, se colocaba a oito ou dez pasos da circunferencia. Pasaban entón os outros o interior do círculo e batían coas gorras ou panos ao rapaz na cabeza, cando este o consideraba gritaba: “fulaniño que me matan”, “acude fulaniño que me matan”. Fulaniño corría entón e sentaba ao carón do que durmía, no primeiro intre todos escapaban, pero logo voltaban a intentar golpear o que apandaba, pero fulaniño o protexía coa súa gorra ou pano, e se lle daba algún dos outros, este pasaba a apandar.

      A TELA: Era este un xogo mixto, de movemento constante para escorregar o frío. Saían todos a correr perseguidos polo que durmía, e cando este conseguía tocar a algún dos que escapaba, dicía: “Tela”. Entón o que escapaba pasaba a ser perseguidor.

     ALTURAS: Xogo mixto, similar ao anterior, pero neste cando o perseguido estaba a punto de ser collido podía subirse a unha pedra, repisa, ou calquera obxecto que sobresaíse do chan e gritaba: “alturas”, e mentres estíbese no alto non  podía ser tocado polo que apandaba, que pasaba a perseguir a outro.

   PARA REMATAR (por agora)
      Estes son soamente uns poucos xogos para facernos unha idea de cómo xogaban os nos pais e avós. O boom demográfico de finais do sesenta e setenta trouxo consigo un cambio na tipoloxía dos xogos, sobre todo nas cidades costeiras, trouxo as tempadas de xogos: tempada de buxainas en primavera, cando coa cegada do sol a terra estaba máis dura, carrilanas de rodas. Tempada de pincho en inverno, cando a terra era máis branda; tempada de bolas en outono ou en primavera, etc...
      Todas estaban condicionadas polo calendario escolar, pasando a ser o tempo de vacacións de verán un tempo dedicado aos xogos na rúa: polis e cacos, brile, etc...
      Pero todos os xogos estaban pensados cunha premisa, eran xogos para xogar en grupo, seis, oito, doce ou máis rapaces e rapazas. Isto é o que se debe buscar ao intentar recuperar estes xogos tradicionais, a necesidade d@ nen@ por relacionarse cos seus compañeiros, non soamente na escola, senón ao chegar ao seu barrio.
      Este feito axuda ao proceso de socialización do individuo coma parte individual dun grupo (a sociedade), e fomenta a aprendizaxe individual e grupal de comportamento e de cooperación.
      Pero sobre todo cos xogos tradicionais recuperase un feito excepcional no desenvolvemento da persoa: O PRACER DE XOGAR XUNTOS.