luns, 6 de agosto de 2018

OS XOGOS TRADICIONAIS os xogos de inverno (III)


      Rematamos, por agora coa terceira entrega, esta serie de entradas sobre os xogos tradicionais, pero máis adiante voltaremos sobre o tema e afondaremos nas tempadas de xogos, nas sortes e outro puntos de interese sobre esta temática.
      Pasamos agora a relatar unha pequena escolma de xogos de inverno.

A PARTIDA: Era un xogo mixto podía xogar rapaces con rapazas, o número podía ser de grande (dez ou doce participantes). Trazábase no chan un  círculo ou un rectángulo, ou outras veces escollíase unha parede ou outro punto de referencia, botábase a sorte e apandaban un, dous ou tres, dependendo do número de participantes. Os que apandaban tiñan que atrapar ao resto e levalos ao punto de referencia escollido coma “cárcere”, se xa colleran presos e un dos que aínda estaba libre conseguía cegar ate o cárcere e tocar os collidos estea quedaban libres. O xogo remataba cando os que apandaban collían a todos e se voltaba a botar sortes quedando excluídos aos que xa apandaran. Nas vilas e cidades costeiras de Pontevedra nos anos setenta e oitenta coñecíase este xogo coma POLIS E CACOS.  

      A PRIMEIRA NO CHE TOCO: Era un xogo sobre todo de grupo, un  dos rapaces apandaba e se colocaba no centro duna circunferencia grande, de catro ou cinco metros de diámetro, dobrándose pola cintura e coas mans entre os xeonllos; os demais colocábanse en fila e tiñan a obriga de saltar por riba del mentres dicían unhas frases e realizaban unhas accións, eran as seguintes:
      Á primeira non che toco: había que saltar abrindo as pernas e apoiando unicamente as mans sobre as costas do que apandaba.  
      Á segunda bomba: ó saltar, deixábase caer sobre o lombo do que durmía, dándolle unha cuada.
      Á terceira, Maricas a Rodilleira: o saltador agarraba cunha man a gola da prenda do que apandaba e coa outra á cintura do pantalón, colocándose enriba del cun xeonllo, se o durminte quería podía aguantar un pouco a ver se o outro caía (e pasaba a apandar), pero se non caía dicía abaixo e o que saltara baixábase.
      Á cuarta quedar sentado: o que saltaba podía quedar sentado sobre o outro, agarrándose coas mans á roupa do outro, pero se o que durmía dicía sen estribos, este tiña que soltar as mans e aguantar o equilibrio sen caer, se non caía dicía o que apandaba abaixo e este baixaba, se caía apandaba.
      Á quinta, un espalin: ao tempo de saltar darlle un puntapé o que durmía nas nádegas.
      Á sexta, lesca: ao saltar darlle co pé na cabeza do que apandaba, pero se o comezar o xogo podía acordarse que non se facía.
      Á sétima, os barranquiños: rabuñar o lombo do durminte ao tempo de saltar.
      Á oitava, palma, espalín e cuada: tocar as palmas antes de saltar, darlle cun pe nas nádegas e deixarse caer enriba do que durmía no salto.
      Á novena, os rechimplóns: ao saltar apoiar os cotelo sobre o lombo do que durmía.
      Á décima, un remedio: ao saltar darlle unha cuada.
      Á décimoprimeira: Ídem que a anterior .
      Á décimosegunda: Ídem que a anterior.
      Á décimoterceira: paxariños a voar, que a nai Silva vai escapar: aínda o derradeiro en saltar non acabara de dicir estas palabras escapaban todos, mentres que o que apandara quedaba dentro da circunferencia, os demais tiñan que intentar entrar nela, e o que apandaba cunha pelota de trapo ou cun terrón collido alí mesmo tiña que impedilo, se atinaba a darlle algún dos fuxitivos, este pasaba  a apandar, pero se algún deles vía que ían atrápalo ou darlle coa pelota podía dicir: “vista ao rei”, entón tiñan que contar sete pasos dende os límites da circunferencia, e o que apandaba tiña que darlle dende o centro da mesma.
      Moi similar a este xogo era o de: A LA UNA ANDA LA MULA, que se xogaba na provincia de Pontevedra nos setenta e oitenta

      TRES MARIÑOS A LA MAR: Tirábase a sorte a ver quen apandaba, o que apandaba (podía ser máis de un) colocábase no interior dun círculo, ou podíase escoller unha parede ou unha pedra coma punto de referencia, e pechaba os ollos (ou vendábase), e o resto escondíanse polas inmediacións da zona do xogo, cando estaban agachados, gritaban: “tres mariños a la mar”, o que apandaba o abrir os ollos ou quitaba a venda e respostaba: “outros tres van navegar”. Se  atopaba algún gritaba: “terra descuberta”, dicindo a continuación o nome e o lugar onde o vira, e corría ata o círculo, e se chegaba antes que o que descubrira este pasaba a apandar.

      FULANIÑO QUE ME MATAN: marcábase no chan unha circunferencia de dous ou tres metros de diámetro, durmía o que lle tocara, colocándose no interior do  círculo coa cabeza gacha entre os brazos, o protector do que apandaba, fulaniño, se colocaba a oito ou dez pasos da circunferencia. Pasaban entón os outros o interior do círculo e batían coas gorras ou panos ao rapaz na cabeza, cando este o consideraba gritaba: “fulaniño que me matan”, “acude fulaniño que me matan”. Fulaniño corría entón e sentaba ao carón do que durmía, no primeiro intre todos escapaban, pero logo voltaban a intentar golpear o que apandaba, pero fulaniño o protexía coa súa gorra ou pano, e se lle daba algún dos outros, este pasaba a apandar.

      A TELA: Era este un xogo mixto, de movemento constante para escorregar o frío. Saían todos a correr perseguidos polo que durmía, e cando este conseguía tocar a algún dos que escapaba, dicía: “Tela”. Entón o que escapaba pasaba a ser perseguidor.

     ALTURAS: Xogo mixto, similar ao anterior, pero neste cando o perseguido estaba a punto de ser collido podía subirse a unha pedra, repisa, ou calquera obxecto que sobresaíse do chan e gritaba: “alturas”, e mentres estíbese no alto non  podía ser tocado polo que apandaba, que pasaba a perseguir a outro.

   PARA REMATAR (por agora)
      Estes son soamente uns poucos xogos para facernos unha idea de cómo xogaban os nos pais e avós. O boom demográfico de finais do sesenta e setenta trouxo consigo un cambio na tipoloxía dos xogos, sobre todo nas cidades costeiras, trouxo as tempadas de xogos: tempada de buxainas en primavera, cando coa cegada do sol a terra estaba máis dura, carrilanas de rodas. Tempada de pincho en inverno, cando a terra era máis branda; tempada de bolas en outono ou en primavera, etc...
      Todas estaban condicionadas polo calendario escolar, pasando a ser o tempo de vacacións de verán un tempo dedicado aos xogos na rúa: polis e cacos, brile, etc...
      Pero todos os xogos estaban pensados cunha premisa, eran xogos para xogar en grupo, seis, oito, doce ou máis rapaces e rapazas. Isto é o que se debe buscar ao intentar recuperar estes xogos tradicionais, a necesidade d@ nen@ por relacionarse cos seus compañeiros, non soamente na escola, senón ao chegar ao seu barrio.
      Este feito axuda ao proceso de socialización do individuo coma parte individual dun grupo (a sociedade), e fomenta a aprendizaxe individual e grupal de comportamento e de cooperación.
      Pero sobre todo cos xogos tradicionais recuperase un feito excepcional no desenvolvemento da persoa: O PRACER DE XOGAR XUNTOS.

Ningún comentario:

Publicar un comentario