martes, 31 de xullo de 2018

SOLITARIO. TABOA CELTA

Se a semana pasa fixemos a Cruz Celta, esta imos aproveitar un anaco de madeira dun traveseiro dun somier para recortar e preparar unha "Taboa Celta" un solitario bastante sinselo pero que aos peques lles gustará e ademais é moi decorativo.

Materiais:
1 peza de madeira recta (nos aproveitaremos un listón roto neste caso)
Lapis e borrador de borrar
Regra e cinta métrica
Trade, brocas e moldeadores para madeira (tamén pódese facer con berbequí con moita paciencia)
Lixa para madeira
Verniz, tinguidura á auga, pintura, etc.…
Bolas de cristal


Elaboración
1º paso: medimos a base de madeira e coa regra buscamos o centro, e a partires de aí marcamos co lapis os puntos onde imos tradear e rebaixar para que encaixen as bolas. Tamén debuxamos os extremos redondeados para facer máis resultona a taboa, pero pode ter o corte recto se preferides.




2º paso: Nos puntos marcados tradeamos un pouco cunha broca fina de madeira (3/4) para que nos sirva de guía para despois rebaixar co accesorio moldeador para trade.




3º paso: lixamos toda a superficie e os buracos para que nos colla mellor o tinguidura ou verniz que imos empregar.

4º paso: vernizamos coa cor, tinguidura ou pintura escollida (nos xa tiñamos verniz de cor caoba que fai un contraste xenial coas bolas brancas) e deixamos secar o tempo necesario. Se é preciso e queremos aplicamos unha segunda capa de verniz.




¡E a xogar! Outro xogo de inenio mental que ademais queda moi decorativo na casa. Lembrar que con materiais sinxelos coma cartón, plastilina ou pasta de papel podedes facer versión moi chulas coa rapazada. Agardamos que vos gustara e ata a vindeira “trebellada”.


COMO SE XOGA.

O obxectivo do xogo é alternar por completo o lugar das pezas dunha cor pola outra co menor número de movementos posible. É dicir pasar as bolas dunha cor ao ,lugar ocupado polas da outra cor e viceversa.

Pódese indistintamente calquera peza, inclusive saltando por riba dalgunhas deas, e aquí soamente temos unha condición, só se poderá saltar unha bola da cor oposta, non unha da mesma cor.

O mínimo de movementos posibles é de 15.


luns, 30 de xullo de 2018

OS XOGOS TRADICIONAIS os xogos de verán (II)


Continuando coa entrada de xogos tradicionais, enumeramos agora algún xogos de verán, aclaramos que falamos de xogos de nenas ou nenos porque así se xogaban maioritariamente na época. Ao recuperalos para as nosas actividades non imos diferenciar nunca xogadores e xogadoras. Xogamos todxs.

    O TA – TE – TI: Na terra dura, ou sobre unha pedra ou cemento debuxábase un cadrado sobre o que se trazaban dúas perpendiculares e dúas diagonais. Xogaban dous rapaces, as fichas eran pedriñas, cunchas ou grans de millo, empregábanse tres fichas, que se colocaban nos puntos de intersección das liñas e soamente se podía mover cara diante, cando un dos participantes comía ao outro tiña que dicir ta – te – ti. Existía unha variante na que tras botar a sorte das pallas, o que sacaba a máis longa tiña que colocar ficha no medio, e non podía mover esa ficha, e movendo por quendas tiñan que acadar colocar as súas fichas en liña.


    A CHAVE: Empregábase  para este xogo unha navalla. Se debuxaba unha liña de ate un metro de lonxitude, e no centro marcábase un rectángulo de uns trinta cm. de longo por doce ou catorce de ancho, no medio cravábase unha navalla inclinada un pouco cara atrás, a cara do rectángulo máis achegada ós participantes marcábase co nº catro e valía catro tantos, a cara posterior marcábase co nº oito, a navalla en si valía dez tantos.
Sacábase unha moeda de dez céntimos, un patacón de cobre os de antes, e desde dez ou doce pasos tirábase á navalla; íanse sumando os tantos acadados. Xogábase a cen ou cento vinte tantos.

    O PELETRE OU COTELO: Era un xogo de nenas. O utensilio e xogo que era unha pedra plana e pequena, un anaco de tella ou de ladrillo, e se lle chamaba por este nome de peletre ou cotela indistintamente á pedra ou a figura que se debuxaba no chan para xogar, que consistía nun rectángulo con un semicírculo ao final de un dos lados. Dividíase o rectángulo en catro partes iguais e numerábase do un ao catro poñendo o cinco no semicírculo, que recibía o nome de “orella”.
      A primeira en empezar a xogar, dende fora do cadro número un, tiña que tirar o peletre cunha man fora da orella, e logo á pata coxa percorrer os cadros sen pisar raia algunha (se a pisaba, perdía), dende o un até o cinco, saíndo fora da orella para regresar dun salto e facer o camiño á inversa até saír do cadro número un. Logo tiña que tirar o peletre á orella e repetir a mesma operación, logo ao número catro, ao tres, ao dous e ao un.  Unha vez rematada esta volta de “ensaio” repetíase a proba pero esta vez a rapaza tiña que ir empuxando o peletre con un pé, sen pisar a raia nin con o pé nin con o peletre; se isto pasaba perdía e pasaba a xogar a outra nena. Nalgúns sitios xogábase sen orella, só cun rectángulo dividido en cinco compartimentos.


    O MUNDO: Era outro xogo de nenas. Xogábase tamén cunha pedra pequena ou unha tella, pero neste caso o terreo de xogo era unha circunferencia duns dous metros de diámetro a que ía unida un rectángulo que na parte pegada á circunferencia collía a forma desta, a circunferencia
dividíase con dous diámetros e na parte inferior esquerda debuxábase un círculo máis pequeno. Xogábase dunha en unha, se tiraba primeiro a pedra ao rectángulo e logo había que ir á pata coxa empurrándoo co pe sen pisar as liñas, por orde empezando pola dereita, se ao chegar ao número cinco conseguía meter o peletre no círculo pequeno, collía este coas mans e tirábao de costas, se saía do rectángulo, volvía a empezar o percorrido pero esta vez xa tiraba o peletre ao número dous, e así sucesivamente. Se perdía por pisar liñas ou non acertar co peletre, perdía quenda e xogaba outra nena.



    COTELO DE PARELLA: Era xogo de nenas, co mesmo instrumento que o do peletre e mesmas características de lugar de xogo. A figura a debuxar no chan era un rectángulo duns catro metros de longo por un e medio de ancho, trazábase unha liña á metade para dividilo en dous ó longo e despois se dividía ó ancho en oito compartimentos máis ou menos iguais, numerándoas do un o oito, nos que facían o número sete se debuxaba no exterior pero pegado as mesmas dous semicírculos que recibían o nome de gloria. Ao comezar a primeira volta tiraban o peletre ao número un, e deixándoo nel percorrían as compartimentos a pata coxa, podendo descansar, e dicir apoiar os dous pes no cadro número catro, e así sucesivamente. Ao comezar a segunda volta tiraban o peletre cada unha á gloria que lle correspondía, saltando a pata coxa como na anterior rolda, pero ao cegar a compartimento número sete preguntaban as rapazas que seguían o xogo: ¿De cantos?. Queríase dicir cantos pasos tiñan que dar dende onde se encontraban ata cegar ó punto onde estaba o peletre para poñerlle o pé encima. Se os pasos eran poucos ou demasiados por dalos moi curtos ou demasiado longos, perdían; se conseguían poñerlle o pé encima ao peletre, desde dentro da gloria collían o peletre e de costas lanzábano ao ar cara o terreo de xogo. Se caía nun cadro que non fora o catro nin o oito, facíase unha rula (marcaban unha cruz ou un garabato sobre a compartimento) ao tempo que pronunciaban a frase: “Unha, dúas, tres, polo campo da túa vez”. Ó marcar rula esa compartimento servía dende entón de descanso igual ca compartimento número catro. Se ó tirar o peletre saía fora da figura, ou quedaba sobre unha raia, perdíase, tamén se perdía cando se pisaba unha liña co pé ou o peletre.



    ¿QUEN TE MONTA BICHO PAVO?: tras botar  a sorte durmían un neno que facía o papel de cego e outro que facía o de dama, a dama sentábase nunha pedra e o cego colocaba a súa cabeza entres as pernas da dama mentres este tapáballe os ollos cunha man. Os outro rapaces colocábanse en ringleira, a dama entón sinalaba cun xesto a un dos rapaces, e este tiña que saltar sobre o cego, entón a dama preguntáballe ao cego: ¿quen te monta bicho pavo?, o cego dicía o nome dun rapaz e se non acertaba, o rapaz nomeado tiña que pasar a colocarse detrás do cego coa cabeza apoiada sobre as nádegas deste. Pasaba entón a dama a escoller outro e este saltaba entón sobre o segundo rapaz, e repetíase a pregunta: ¿quen te monta bicho pavo? Se o cego non acertaba, o rapaz nomeado apandaba pero se acertaba, o cego quedaba libre e o xogo comezaba de novo apandando o rapaz adiviñado polo cego.

    Moi similar a este era o xogo de: OVO, PICO, ARAÑA. Que se xogaba sobre todo nos recreos dos colexios ó chegar ó final da primavera e principios de veren nos barrios das cidades e vilas máis grandes.

    E a vindeira semana, os xogos de inverno. Xogade xuntxs.



martes, 24 de xullo de 2018

SOLITARIO CELTA - CRUZ MÁXICA



O obradoiro desta semana, máis que tradicional é “ancestral” ou antigo, aquí o coñecemos por solitario celta, pero se lle atribúen distintas orixes O que explico esta feito en madeira aproveitando un vello prato de polbo que empregaba para traballar barro. Este queda moi aparente para que o teñades na casa ou no campa coma xogo de mesa, pero con materiais sinxelos coma cartón e plastilina ou pasta de papel podedes facer versión moi chulas coa rapazada.




Materiais:
1 peza de madeira redonda (un prato de polbo por exemplo)
Lapis e borrador de borrar
Regra e cinta métrica
Trade, brocas e moldeadores para madeira (tamén pódese facer con berbequí con moita paciencia)
Lixa para madeira
Verniz, tinguidura á auga, pintura, etc.…
Bolas de cristal


Elaboración


1º paso: medimos a base de madeira e coa regra buscamos o centro, e a partires de aí marcamos co lapis os puntos onde imos tradear e rebaixar para que encaixen as bolas.


2º paso: Nos puntos marcados tradeamos un pouco cunha broca fina de madeira (3/4) para que nos sirva de guía para despois rebaixar co accesorio moldeador para trade.




3º paso: lixamos toda a superficie e os buracos para que nos colla mellor o tinguidura ou verniz que imos empregar.



4º paso: vernizamos coa cor, tinguidura ou pintura escollida (nos xa tiñamos verniz de cor caoba que fai un contraste xenial coas bolas brancas) e deixamos secar o tempo necesario. Se é preciso e queremos aplicamos unha segunda capa de verniz.


¡E a xogar! Un excelente xogo de habilidade mental que ademais queda moi decorativo na casa. Agardamos que vos gustara e ata a vindeira “trebellada”.


NOTA: nos colocamos as bolas que imos quitando nun bol, se podedes e o vos material o permite, facer un surco ao redor do taboleiro para recoller as bolas. 

INSTRUCIÓNS DO XOGO: O xogo consta dun  taboleiro con 33 buracos, en cada un colocase unha bola, excepto no buraco central. A solución do xogo consiste en deixar unha única bola no buraco central. Soamente se emprega un único movemento que é que unha bola salta sobre outra e cae nun buraco baleiro, a bola saltada é eliminada.