luns, 9 de xullo de 2018

NESTE VERÁN UN LIBRO, OU DOUS, OU TRES…


Creo que dende o meu primeiro campamento coma monitor en prácticas, ala polo ano 1995, ata hoxe, hai tres cousas que sempre me teñen acompañado en cada campa, ludoteca, obradoiro, curso, etc, ao que teño asistido. Esas tres cousas son: ilusión, un certo nerviosismo antes de comezar (que é un símbolo claro de que che segue a gustar o que fas) e LIBROS, si libros, de consulta, novelas, poesía, banda deseñada, contos ou calquera xenero que poidades pensar. E nas actividades para nenos e nenas, para a rapazada sempre procurei que tiveran acceso á lectura para o tempo libre do campa ou a ludo, para antes de durmir, para relaxarse un rato na toalla. Que non faltaran contos clásicos e modernos, tebeos de Zipi y Zape e Mortadelo e Filemón, Tintín, Asterix, algún libro de aventuras ou de medo, cómics de Spiderman, 4 Fantásticos ou Vengadores, algún libro de chistes ou enigmas. É dicir, que puideran ler sempre que o desexaran.

Pero temos que dar un paso máis, temos que dinamizar o acceso á lectura, fomentar a lectura dando exemplo, ler as lecturas que lles propoñemos, comentalas con elas e eles, recomendarlles as que máis nos gusten e escoitar as que a rapazada nos recomenda a nos. Temos  hoxe en día, ademais dos clásicos que nunca fallan unha morea de coleccións e de escritores e escritoras que están a ter moito éxito, dende Futbolísimos (que se estrea a película este verán) ás novelas de Ledicia Costas magnificamente ilustradas por Víctor Rivas ou Andrés Meixide, a poesía de Fran Alonso en O Meu Gato e Poeta, Poemas Birollos.... ou Street Poems (co trasfondo esta última obra do grafitti), Agustín Fernández Paz, Xerónimo Stilton, Harry Potter, Xulio Verne, Antonio García Teijeiro e o seu Poemar o Mar, ou os cómics e tebeos de sempre  coma comentaramos antes, pero tamén temos actualmente fantásticas obras coma a saga da Illa Remeira de Jacobo Fernández, O Báculo de Daghdha de Norberto Fernández, Tam de Anémona de Río, Curuxa de Fon, Fiz de Kiko da Silva, A Fraga das Milmañas de Manel Craneo, Tokio ven de sacar Gol que ten moi boa pinta,e moitísimas autoras e autores máis que non daríamos rematado o artigo.

Pois con todas estas referencias literarias, e con calquera outra, podemos crear actividades fantásticas: días temáticos, rastreo con pistas inspirados en Sherlock Holmes ou en Verne, Veladas máxicas en Howards, Olimpíadas cos Galos en Roma, Sesións de grafitti e poesía, Un xogo da Oca reconvertido a un xogo do Gato Poeta porque lle peta no que alternemos lectura de textos con probas de habilidade e humor, veladas gastronómicas con Escarlatina. A partires dun libro podemos xirar parte ou todo nunha actividade  de campamento ou ludo de verán. Creación de libros propios do campa, obradoiros de creación literaria, de ilustración. Ler axuda a ser mellor persoa, a ser máis intelixente, a comprender mellor as cousas, a ter un pensamento crítico. Ler axuda a que as persoiñas de hoxe sexan persoas adultas libres que pensan por si mesmas, e que saben discriminar as informacións manipuladas das reais. E vos monis, que me ledes moi pouco, a ler todo o mundo.

Por todo isto neste verán Un libro, ou dous ou tres...


Ningún comentario:

Publicar un comentario